Balidea impulsou en 2024 importantes proxectos pioneiros para humanizar a tecnoloxía
martes, 3 de decembro do 2024
Para Balidea, considerada nos informes sectoriais como unha empresa global, innovadora e xeradora de riqueza, estes últimos anos foron de constante aprendizaxe e exploración de vías de innovación. Comprometida como está con explorar e afondar en ámbitos cruciais como o da saúde, a optimización de procesos ou a sostibilidade do desenvolvemento tecnolóxico, este ano puxo en marcha e avanzou en proxectos cunha intención común: achegar solucións que faciliten o día a día das persoas.
Os seus cadros de acción foron ampliándose para atender novos retos, como a ciberseguridade ou a Intelixencia Artificial. Afrontounos, ademais, apoiada, por un equipo de profesionais, cuxa autoridade nas materias e capacidade de análise e acerto nos seus criterios vai en constante aumento.
Con este estímulo, Balidea atópase inmersa en catro proxectos que, hoxe en día, son representativos das súas áreas de especialización e liñas de innovación: o Observatorio de Saúde Pública de Galicia, o asistente virtual GiDi, a plataforma Green AI do Plan Nacional de Algoritmos Verdes e INSPEC-MOV, unha ferramenta para a optimización dos procesos de inspección. Todos eles son propostas que supoñen grandes desafíos, para os que a TIC galega ten a satisfacción de ter acadado as solucións adecuadas á necesidade.
Datos abertos sobre saúde pública
O Observatorio de Saúde Pública de Galicia, un macroproxecto da Consellería de Sanidade para facilitar datos abertos (Open Data) sobre saúde pública, conta coa colaboración de varios departamentos de Balidea. Trala definición da súa estrutura fai dous anos, e despois dun ano enteiro de desenvolvemento, en febreiro de 2024 viu a luz esta ambiciosa plataforma que ofrece valiosa información estatística, a modo de indicadores ou perfís de saúde, que permiten coñecer o estado e evolución de moitas doenzas en Galicia. Pon a disposición dos profesionais da saúde, o persoal investigador e a sociedade en xeral datos de gran valor para achegar unha interpretación máis profunda sobre a situación da saúde na nosa comunidade, que permite identificar problemas, tendencias ou factores de risco e poñelos en relación coas campañas e programas na materia impulsados pola administración.
Coa premisa da transparencia e da protección de datos, no Observatorio de Saúde publícase unha ampla variedade de indicadores asociados, por un lado, aos resultados de saúde, como a mortalidade ou a morbilidade, e polo outro, aos factores determinantes da saúde, como os estilos de vida ou a calidade ambiental. A disposición destes datos ofrécese dun xeito moi visual a través de gráficos que fan máis sinxela a súa comprensión. Nas verbas de Manuel Gandarela, coordinador do equipo de traballo do proxecto en Balidea: “Quizais aínda non sexamos plenamente conscientes da importancia deste proxecto como espazo de coñecemento por toda a información que abrangue”. Porén o traballo xa está acadando o seu recoñecemento público: fai escasos días, no RIES24, recibiu o premio ao impacto nas persoas; poñendo de relevo o seu valor social.
Un asistente virtual para a hospitalización en domicilio
GiDi é a resposta á pregunta: “Como se poden facer máis eficientes os procesos de seguimento para pacientes hospitalizados no seu domicilio?”. Financiado polo CDTI e polo programa Eurostars-3, este proxecto de I+D é un asistente virtual que obtén o seu nome do inglés: *Grand Daughter G-D*, que significa "neta"; unha neta virtual que asiste, se preocupa e axuda a persoas maiores con dificultades médicas que están hospitalizadas na súa casa. O seu obxectivo, a súa premisa, é establecer unha canle de comunicación co paciente a través dun asistente virtual robótico capaz de interactuar coas persoas usuarias mediante a voz. Facendo uso de tecnoloxías lingüísticas, GiDi “amplía até o domicilio a planta do hospital”, sinala María del Carmen López Pérez, responsábel deste proxecto en Balidea, “clasificando aos pacientes segundo a gravidade da súa enfermidade e implementando protocolos de actuación personalizados”.
A sensibilidade que se reflicte no propio nome do asistente tamén se destila no seu carácter de axuda ás persoas maiores: desde un enfoque ético no deseño (potenciais persoas usuarias foron as que participaron tanto no deseño como na validación da solución un proxecto piloto) ata as tecnoloxías empregadas para o seu desenvolvemento. GiDi actúa segundo uns protocolos sinxelos e ben marcados, que, en síntese, para o lector, e sen intención de abrumar con detalles técnicos, consisten nunha sorte de diálogo con preguntas-respostas que a IA procesa. Ao entender a voz do paciente, xera unha serie de informes ou alarmas, dependendo do rexistro, que lle chegan ao persoal médico en tempo real.
Estes coidados híbridos permiten que a IA faga de ponte a través do mundo dixital entre profesionais da medicina e as persoas hospitalizadas na súa casa. E esa é outra das claves de GiDi: sen suplantar persoas, esta ferramenta (que funciona tanto en tableta como en móbil ou no propio robot asistencial) aumenta a eficiencia na saúde pública, aforrando traballo administrativo, axilizando procedementos e reducindo o custo emocional dos pacientes domiciliados que ven así unha pronta resposta aos seus problemas sen ter que sufrir longas esperas.
En resumo, GiDi supón un caso de éxito na aplicación das tecnoloxías de linguaxe de código aberto nun ámbito médico, como ferramenta de apoio aos profesionais en tarefas rutineiras e facilitando información dos pacientes en tempo real. O potencial desta solución para a asistencia sanitaria domiciliaria está sendo xa presentado incluso neste mes de novembro en países nórdicos, da man do ICEX e Red.es.
Optimizando os procesos de inspección
Tamén enfocado inicialmente ao ámbito sanitario atópase o proxecto INSPEC-MOV, unha ferramenta para inspeccións en saúde pública e industria. Lidera este proxecto desde fai uns anos Eva Yáñez, que comezou esta aventura centrada na saúde pública pero que agora está ampliando o seu uso cara a outros horizontes, como o industrial. Esta aplicación móbil (nativa para Android) é a ferramenta definitiva para simplificar e mellorar o proceso de inspección, asegurando unha contorna máis saudábel e segura para todas e todos. Deseñada por profesionais especializados en tecnoloxía e saúde ambiental, ofrece unha solución integral para calquera ámbito, persoal de inspección e profesionais da saúde pública. “O aumento da eficiencia operativa ao simplificar o proceso de inspección fai que se aforre un tempo valioso que pode ser dedicado realmente ao core do negocio”, sinala Eva.
Enxeñando esta produtividade, o proxecto INSPEC-MOV mellora a precisión e consistencia na recollida de datos, axiliza o seguimento e avaliación do rendemento, mellora a toma de decisións baseadas en datos e evidencias, reduce os tempos de resposta ante emerxencias e mellora a transparencia. Manuel Aller, tamén involucrado nesta aplicación, destaca que “a facilidade coa que se poden realizar todo tipo de auditorías, ademais de que o propio cliente pode realizar de xeito autónomo os seus propios formularios ou checklists”.
A maiores da optimización dos procesos que supón esta ferramenta, outro dos seus piares de éxito é a súa interface sinxela, que minimiza o tempo dedicado ao seu uso. Ao permitir traballo online e offline, pero coa seguridade de que os datos recompilados se sincronizan instantaneamente na nube cando se conecta á rede, esta aplicación de Balidea ofrece ferramentas únicas que ademais cumpren coas normativas e estándares máis rigorosos en materia de saúde ambiental, garantindo que as súas solucións se axusten ás regulacións locais ou internacionais.
Un proxecto para atender un dos grandes desafíos da IA: a sostibilidade
Por último, e non menos destacado, atopamos un proxecto integrado no Programa Nacional de Algoritmos Verdes (PNAV), do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Unha proposta pioneira en España e Europa que trata de ser referente ao querer focalizar un problema destes días: o consumo da IA. A tecnoloxía ten que ser respectuosa co medio ambiente, e hoxe en día o que consumen os servidores en cada busca ou consulta a unha Intelixencia Artificial é moi elevado.
O que Balidea está a facer neste proxecto, no que Óscar Blanco e Felipe Rivero de Aguilar son os responsábeis, é liderar o deseño e desenvolvemento do software para a construción da plataforma “Green AI”, que consiste nun espazo web dirixido principalmente a emprendedores, profesionais e investigadores da IA. Esta plataforma inclúe un portal web accesíbel e sinxelo que ofrece información pertinente ao público, un asistente conversacional para a procura de contidos, un conxunto de ferramentas de mando e un sistema de publicación de datos abertos de calidade que axudan a Green AI e a outros desenvolvedores.
Óscar remarca que “estamos ante a punta do iceberg da IA, vivindo un momento clave no que debemos ser conscientes de que un dos piares fundamentais para o seu desenvolvemento debe ser a sostenibilidade: innovación e sostenibilidade deben ir da man”. Reforza esta idea na busca da eficiencia enerxética e na pretensión de reducir o impacto ambiental dos modelos de IA, apoiando ao mesmo tempo o uso desta tecnoloxía para dar resposta a diferentes desafíos medioambientais.
Como se pode deducir destas pinceladas, Balidea afondou este 2024 nun compromiso que asumiu desde hai anos: ligar o desenvolvemento tecnolóxico coas necesidades reais das persoas, achegando solucións encamiñadas a lograr un futuro mellor.