LG prepara un móbil con pantalla de alta definición

xoves, 15 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Veñen de filtrase imaxes do teléfono móbil LG LU6200, que non só é un potente terminal con procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, gráfica Adreno 220 e conectividade LTE (4G), senón que sorprende especialmente por contar cunha pantalla AH-IPS de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, polo que sería o primeiro móbil con Android en contar cunha pantalla de alta definición (720p) superando incluso á popular pantalla Retina do iPhone 4 (grazas ao seu maior tamaño).
Este móbil tamén conta con NFC, Bluetooth, Wi-Fi e sintonizador de televisión dixital (característica que só debería de estar presente en Corea do Sur), cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, batería de 1.830 mAh, un peso de 123 gramos e un grosor de só 10,5 milímetros, que parece alzarse como un dos móbiles máis impresionantes que teremos no mercado na campaña do Nadal (descoñecéndose polo momento os detalles do seu lanzamento).