Novas lentes conectadas que destacan por ter tenda de aplicacións

venres, 16 de xaneiro do 2026 Redacción

A compañía tecnolóxica Mentra anunciou o lanzamento de Mentra Live, o seu primeiro modelo de lentes intelixentes, que destaca por contar cunha tenda de aplicacións de seu, importante paso para conseguir captar a atención sobre o produto.
As primeiras unidades de Mentra Live comezarán a enviarse o 15 de febreiro, dentro do programa Founder’s 1000 Club, limitado a un milleiro de dispositivos. O prezo desta primeira remesa é de 299 dólares (258 euros), mentres que unha segunda tanda, tamén con unidades limitadas, está prevista para o mes de marzo.
As Mentra Live preséntanse como unhas lentes lixeiras (43 gramos) orientadas á creación de contido e á integración con servizos dixitais. Incorporan unha cámara de 12 Mpíxeles para fotografía e vídeo, retransmisión en directo con estabilización a calquera plataforma social e funcións baseadas en intelixencia artificial, ademais de permitir chamadas telefónicas e reprodución de música. Aseguran que é o primeiro dispositivo deste tipo capaz de emitir en directo en servizos como X, YouTube, Twitch, Instagram ou OnlyFans sen restricións de plataforma.
O dispositivo baséase en MentraOS, un sistema operativo de código aberto que inclúe un kit de desenvolvemento para terceiros. A través deste ecosistema, activo desde comezos de 2025, distintos programadores xa publicaron miniaplicacións accesibles desde a chamada Mentra MiniApp Store, dispoñible mediante unha aplicación móbil complementaria para iOS e Android.
As lentes Mentra Live teñen unhas medidas de 162 milímetros de longo, 148 de ancho e 47 de alto. Empregan un procesador Mediatek MTK8766 apoiado por un microcontrolador de baixo consumo, cun esquema de dobre chip pensado para optimizar a autonomía. As lentes ofrecen máis de 12 horas de uso autónomo cunha batería de 260 mAh, mentres que o estoxo de carga achega ata 50 horas adicionais cunha capacidade de 2.200 mAh. A cámara dispón dun campo de visión de 119 graos, o sistema de audio inclúe tres micrófonos e altofalantes estéreo, e a compatibilidade esténdese a teléfonos con iOS 15.1 ou superior e Android 12 ou posterior.
Estamos ante unha solución cun grande potencial, dada a súa apertura e a contar con facilidades para empregase con gradación da vista, pero ao ser un produto dunha empresa emerxente, polo momento teñen unha produción e unha distribución moi limitadas. Esta proposta é digna de mención e podería marcar o camiño a seguir por fabricantes que queiran facerse un lugar no mercado lonxe da sobra das Meta Ray-Ban, que teñen unha alta dependencia da compañía de Mark Zuckerberg, detalle que non agrada a moitos consumidores.

As novas lentes destacan por poder realizar retransmisións en directo en plataformas alleas a Meta como YouTube ou Twitch