Optare Solutions lanza Augura Tech, a súa nova división transversal e multisectorial
venres, 13 de marzo do 2026
A firma galega Optare Solutions presentou Augura Tech, a súa nova división especializada en solucións de intelixencia artificial, concibida como unha entidade propia dentro do grupo e cun enfoque claramente transversal e multisectorial. A diferenza da actividade tradicional de Optare, cunha forte especialización no sector das telecomunicacións, Augura Tech nace co obxectivo de aplicar a IA á optimización e transformación de procesos de negocio en distintos sectores.
Optare explica que o lanzamento de Augura Tech responde a “unha decisión estratéxica aliñada coa
evolución do mercado e o recoñecemento do crecente papel da intelixencia artificial como panca de eficiencia, escalabilidade e mellora na toma de decisións empresariais, tanto en sector das telecomunicacións como noutros ámbitos, habilitando ademais a xeración de novos produtos baseados nesta tecnoloxía”.
A nova división céntrase “nun uso práctico e consciente da IA, con capacidade de ser medido e avaliado ao detalle, priorizando a soberanía e a privacidade do dato a través do despregamento de modelos en contornas privadas, garantindo así a solvencia técnica en contextos empresariais de alta esixencia”, engaden dende a firma viguesa, apuntando que Augura Tech está integrada por un equipo de profesionais con ampla traxectoria no desenvolvemento de solucións de negocio baseadas no uso de IA axéntica, grandes modelos de linguaxe e técnicas avanzadas de aprendizaxe máquina (machine learning).
A división apoiarase, así mesmo, na experiencia acumulada polo grupo Optare en proxectos complexos de transformación, automatización e mellora de procesos, así como na súa capacidade para operar en contornas empresariais esixentes. Este coñecemento permitirá desenvolver solucións de intelixencia artificial aplicadas, adaptadas ás necesidades específicas de cada negocio e sector.
Coa creación de Augura Tech, Optare Solutions busca reforzar o seu posicionamento como “grupo tecnolóxico en crecemento, capaz de estruturar capacidades especializadas para responder a novas oportunidades do mercado, mantendo unha visión a longo prazo baseada na innovación, a solidez operativa e o desenvolvemento sostible”.
