Xuntan en catro volumes os contidos históricos dos Bolechas, dispoñíbeis tamén na plataforma Xabarín

xoves, 12 de decembro do 2024 S. P.

Santiago acolleu este 12 de decembro a presentación dos primeiros catro volumes da recompilación Os Bolechas. Colección Historia de Galicia, unha proposta na que colabora a Xunta de Galicia con Edicións Bolanda, Caixa Rural Galega e a CRTVG, e que inclúe tamén a emisión de recursos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.
Na colección audiovisual a familia creada polo debuxante Pepe Carreiro fai un repaso por algúns dos grandes acontecementos históricos da nosa terra dende o Paleolítico, por exemplo a domesticación de animais de plantas, a vida no Neolítico, a época castrexa, a chegada dos romanos, as incursións do pobo suevo e do seu reino, a Idade Media ou o descubrimento da tumba do apóstolo Santiago.
Na cita participou Valentín García, secretario xeral de Lingua, quen puxo en valor a creación de novos contidos para fomentar o galego entre os máis cativos. García explicou que este proxecto forma parte das primeiras accións postas en marcha polo Goberno galego para impulsar o uso e prestixio da lingua en toda a sociedade e, nomeadamente entre os máis mozos ou en espazos urbanos. Así, Valentín García sinalou que este tipo de obras "permiten achegar de maneira lúdica e no noso idioma á cativada, a nosa historia, persoeiros, tradicións e idiosincrasia".
O secretario xeral da Lingua detallou que esta nova ferramenta inclúe os libros no seu formato máis tradicional e unha serie animada que xa se está emitindo no espazo Xabarín, “para animar tamén á lectura e ao consumo audiovisual en galego da nosa xente máis miúda”. Ademais, tal e como se anunciou na cita, aos catro volumes presentados este 12 de decembro, sumaranse ao longo do vindeiro ano outros tantos que completarán esta recompilación.