A IA para loitar contra o tráfico de patrimonio centrará un seminario internacional na UDC

venres, 26 de abril do 2024 S. P.

O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI (ECRIM) da Universidade da Coruña organiza o vindeiro 30 de abril, na Facultade de Dereito, o seminario internacional Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto Horizon Europe RITHMS (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security), do que forma parte o ECRIM. O programa RITHMS, financiado pola Comisión Europea, céntrase en mellorar as capacidades tecnolóxicas das axencias do sistema penal para loitar contra o tráfico de patrimonio histórico e cultural.
Esta loita estase a materializar mediante o emprego de instrumentos de intelixencia e investigación baseados na Intelixencia Artificial (IA). Nesta iniciativa europea, o ECRIM lidera a análise xurídica e ética do emprego da IA e os aspectos criminolóxicos do proxecto.
No marco deste seminario internacional, na Facultade de Dereito da UDC reuniranse investigadoras e investigadores internacionais con responsábeis das unidades policiais especializadas de varios países europeos (España, Italia, Países Baixos, Romanía), así como con fiscais e representantes da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) e do Consello de Europa, para discutir os límites e as potencialidades das actuais estratexias de loita contra este tipo de criminalidade.
O grupo de investigación ECRIM (Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI) ten a súa sede na Universidade da Coruña (A Coruña), en concreto nas Facultades de Dereito e Ciencias da Educación. O ECRIM está formado por uns 30 membros.

PUBLICIDADE