A investigadora do CITIC Verónica Bolón recibe unha Bolsa Leonardo

luns, 9 de xullo do 2018 Redacción

A investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Verónica Bolón, vén de recibir unha Bolsa Leonardo, galardón que entrega a Fundación BBVA co obxectivo de apoiar proxectos de investigación que sexan exemplos de produción altamente innovadora. Bolón conseguiu un dos cinco recoñecementos que se conceden a nivel nacional no ámbito das TIC, co seu traballo Cando o tamaño importa: selección de características para wearables. En total, resolveuse entregar 64 Becas Leonardo en 11 áreas diferentes, das 1.521 solicitantes.
A comisión avaliadora de Tecnoloxías da Información e a Comunicación estivo presidida por Antonio Bahamonde, director do Centro de Intelixencia Artificial da Universidade de Oviedo e presidente da Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e integrada por membros de centros como a ETS de Enxeñeiros Informáticos da Universidade Politécnica de Madrid, a ETS de Enxeñería Informática da Universidade de Málaga, a Escola Superior de Informática de Cidade Real da Universidade de Castela A Mancha e o Grupo de Percepción Artificial do Centro de Automática e Robótica da Universidade Politécnica de Madrid (CSIC).
As Bolsas Leonardo están destinadas a apoiar directamente proxectos persoais de investigadores e creadores culturais en estadios intermedios da súa carreira, entre 30 e 45 anos, que se caractericen, como dixemos, “por unha produción científica, tecnolóxica ou cultural altamente innovadora”. O destino específico da bolsa admite unha gran flexibilidade, adecuándose ás necesidades específicas de cada proxecto, que poderá desenvolverse nun prazo temporal de entre 6 e 18 meses.
Empregar o nome do científico multidisciplinar Leonardo da Vinci para dar nome a estas bolsas busca salientar os atributos desta figura universal da cultura, poñendo o foco na paixón polo coñecemento, a apertura e exploración continua de novos eidos e problemas, a interacción entre traballo teórico e observacional ou experimental, así como o diálogo e realimentación entre os dominios das ciencias da natureza e da vida, a tecnoloxía, as humanidades e as artes.