A prensa estatal non usa a IA para producir noticias automatizadas, segundo VALCOMM (USC)

xoves, 9 de maio do 2024 S. P.

As principais cabeceiras de prensa españolas están a empregar as tecnoloxías da Intelixencia Artificial como asistentes encamiñados a optimizar todo tipo de procesos mecánicos e produtos existentes, pero non para ampliar a cobertura ou xerar pezas finais que reduzan o estándar de calidade esencial para o seu modelo de subscrición. Estas conclusións parten dun estudo realizado por César Fieiras, Martín Vaz e Isaac Maroto, investigadores do proxecto VALCOMM da Universidade de Santiago (USC), e que foi publicado na revista de comunicación Trípodos e que podemos visitar online na súa edición completa.
No estudo reflíctese que estes xornais consideran que “a IA impulsará a renovación de perfís profesionais nas súas estruturas, a pesar de que non conten na actualidade con profesionais estritamente especializados”. Tampouco presenten que a IA “vaia modificar” a dimensión dos seus equipos de traballo nin vaia ter un impacto económico notorio a curto prazo.
Para a elaboración deste estudo os autores mantiveron entrevistas con directivos dos 10 xornais de maior tirada en España: El País, La Vanguardia, Marca, La Voz de Galicia, As, ABC, El Mundo, El Correo, Diario Vasco e Mundo Deportivo, para analizar as súas estratexias de IA, profundando na dinámica da aplicación de ferramentas intelixentes nestas corporacións, determinando os departamentos ou profesionais implicados, os usos actuais, e como afecta a IA á súa organigrama e perfís profesionais, así como as tendencias futuras desta tecnoloxía no sector.

PUBLICIDADE