Compostela acolle o venres 21 a primeira edición das Xornadas de Software Libre na Empresa

luns, 17 de setembro do 2012 Redacción

A Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, pertencente ao CIXUG, vén da anunciar a celebración duns encontros para permitir a meirande visualización posible dun fenómeno que achega múltiples vantaxes a nivel corporativo: a aplicación de ferramentas abertas no tecido produtivo. Este, e máis potenciar a vertente empresarial dos nosos novos expertos en open source, é o miolo da primeira edición das Xornadas de Software Libre na Empresa, que se celebran este venres 21 de setembro de 16.00 a 20.30 horas, de balde (pregándose confirmación de asistencia), na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago.
Estes encontros, sinala a Oficina, están especialmente dirixidos aos futuros profesionais galegos das novas tecnoloxías, aínda que están abertas á participación do público en xeral. O obxectivo das mesmas é amosar aos asistentes que o software libre “é unha aposta de calidade á hora de afrontar un proxecto empresarial así como as hai moitas oportunidades do mercado laboral para o profesional experto en programas abertos”.
A xornada comeza coa presentación da Oficina de Software Libre das Universidades galegas da man do seu coordinador Enrique Estévez que amosará cales son as accións previstas desta oficina para o vindeiro cuadrimestre co obxectivo de difundir este tipo de programas nas tres institucións educativas superiores galegas. Logo, tomará a palabra o xerente de AGASOL, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, Luis Alberto Fernández, quen fará unha presentación do colectivo que representa e máis dos proxectos que está a levar a cabo.
A continuación comezará o primeiro bloque da xornada, coa participación das empresas A Navalla Suíza, Sdweb, Openhost e Xercode, onde cada unha explicará brevemente como usa o software libre, dará unha visión dos proxectos nos que está involucrada e explicará porque decidiu apostar polo software libre.
Para rematar este bloque, realizarase unha mesa redonda coas empresas participantes nas que se debaterá sobre o Emprendemento con Software Libre.
No segundo bloque, profesionais do software libre falaran sobre a súa experiencia con software libre, sobre porque se decidiron a formarse nestas tecnoloxías e como e porque colaboran coas comunidades de software libre. Para rematar realizarase unha mesa redonda sobre as Oportunidades de traballo para o profesional do software libre.