John Ternus podería suceder a Tim Cook á fronte de Apple

xoves, 9 de maio do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos tempos escoitábase que o actual director xeral de Apple, Tim Cook, podería retirarse da compañía despois de ter presentado un grande produto que considerase o seu legado, e agora que as Apple Vision Pro son unha realidade, non cesan os rumores sobre quen podería ser o seu sucesor, asegurando Mark Gurman nas páxinas de Bloomberg que a figura chamada a coller a remuda de Cook sería o John Ternus.
Que Cook vaia cumprir 64 anos en novembro fai pensar que está próxima a súa saída de Apple, aínda que non habería ningún motivo para acelerar unha transición. E precisamente a idade sería un tema moi relevante na sucesión de Cook, pois o que actualmente era o principal candidato, Jeff Williams, actual director de operacións, só tería 2 anos menos que Cook, polo que non sería un bo substituto a longo prazo, de aí que estea a gañar peso a figura de John Ternus, vicepresidente senior de Enxeñaría de Hardware en Apple dende 2013, e responsable da enxeñería de todas as xeracións de Apple, dos últimos modelos de iPhone, dos AirPods e incluso unha peza clave na transición dos Mac a Apple Silicon, responsabilidades que demostran a confianza que Cook ten depositado na súa persoa.
Cómpre salientar que outras figuras de peso en Apple, coñecidos polo grande público ao aparecer regularmente nas presentacións dos novos produtos da compañía, teñen idades moi próximas á de Cook, polo que podemos entender que están camiño de rematar a súa carreira na compañía de Cupertino.
Tamén é salientable que a anterior transición na dirección da compañía foi moi pausada, con Cook incrementando as súas responsabilidades da man de Jobs, até chegar a desenvolver todas as súas funcións levando a compañía á posición de liderado da industria que ocupa actualmente.

PUBLICIDADE