StarFest FGC 2026: os xogos de loita conquistarán Vedra en novembro

martes, 19 de maio do 2026 Redacción

StarFest FGC volve en 2026 coa súa terceira edición e convértese na meirande fin de semana de xogos de loita en Galicia: tres días de competición, cinco torneos principais e unha bolsa de premios garantida de 1.500 euros desde o primeiro día.
O festival celebrarase do 6 ao 8 de novembro de 2026 na Estación de Vedra, un edificio reconvertido en espazo cultural. As acreditacións e as primeiras sesións de xogo libre comezan o venres 6; o sábado 7 acollerá as fases de pools dos cinco torneos e o domingo 8 disputarase o Top 8 en escenario, seguido da cerimonia de entrega de premios.

Torneos, formato e calendario

O programa Galician Friki de AGalega.gal amosou como foi unha pasada edición da StarFest

Os cinco torneos principais anunciados son Street Fighter 6, Tekken 8, Marvel Tokon: Fighting Souls, Guilty Gear: Strive e 2XKO. Todos os eventos arrancan cun sistema de pools garantidos que asegura un mínimo de tres partidas por participante antes de pasar a un bracket de dobre eliminación ata o Top 8; se un xogador está inscrito en varios torneos, a organización coordinará as waves de pools para evitar solapamentos.
O horario do sábado inclúe apertura de portas pola mañá, pools ao longo da tarde e un horario nocturno exclusivo para asistentes con entrada de acceso completo.
A bolsa de premios suma 1.500 euros, garantida desde o primeiro día, e a súa distribución entre os cinco torneos determinarase en función do ranking de inscricións ao peche das mesmas; os importes por posición anunciados como referencia mostran, por exemplo, 300 euros para o primeiro clasificado no torneo con maior asistencia e 150 euros para o segundo nalgúns casos, con pagamentos en efectivo. As inscricións en start.gg son de balde e as entradas ao evento págase exclusivamente no despacho de billetes; o prezo dunha entrada de 1 día é de 10 euros e o acceso completo, que inclúe o horario nocturno, custa 15 euros.
As inscricións en liña pechan o luns 2 de novembro ás 11:30; a partir dese momento só será posible inscribirse en persoa o venres no recinto.

Actividades paralelas e normas

A organización completa a oferta competitiva con freeplays durante todo o evento, actividades como King of the Hill e Beat the Pro con premios directos, ladders e partidas casuais, photocall oficial e emisión en directo en Twitch e YouTube con comentaristas. O regulamento esixe check-in presencial antes do inicio de cada torneo, impón un prazo de 10 minutos para presentarse tras ser chamado a unha partida e prohibe o uso de modificacións non autorizadas de software ou hardware; calquera comportamento irrespectuoso pode supoñer descualificación e expulsión do recinto.
Ademais, os premios só se entregarán a quen estea presente ou mediante acordo previo coa organización, e os menores deberán presentar un formulario asinado polos seus titores legais para poder cobrar.
A organización anuncia que dará a coñecer os convidados da escena nacional antes do peche de inscricións en liña e que publicará proximamente unha listaxe de aloxamentos recomendados; os detalles finais sobre a repartición exacta dos prizepools faranse públicos o martes 3 de novembro ás 12:00.