Televés, entre as empresas galegas máis innovadoras segundo o informe Ardán 2015

xoves, 10 de setembro do 2015 Redacción

Un ano máis o informe Ardán, levado a cabo polo Consorcio da Zona Franca de Vigo para facer un repaso do panorama económico de Galicia (amais de recompilar máis de dez mil fichas das principais empresas que teñen feitura societaria), vén de amosar conclusións na súa edición 2015 en canto á análise das nosas empresas, conclusións que xa avanzamos no mes de xullo salientando o papel de Egatel (a empresa galega máis innovadora e a única con categoría ouro). O resultado desta enquisa tamén destacou a firma de telecomunicacións Televés, a que máis factura na listaxe de innovadoras.
Cómpre dicir que Ardán achega na súa edición de 2015 o novo selo de Empresa Innovadora. Con esta marca detéctanse as compañías altamente innovadoras a través dun índice sintético sobre unha mostra de arredor de 500 empresas nas que estiveron representados todos os sistemas produtivos de Galicia. Este estudo realizouno o profesor Xosé Henrique Vázquez en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Universidade de Vigo. Asemade, a clasificación fai tamén comparativas coa media española e outras rexións de referencia.
Xunto a Egatel e Televés, aparecen coa marca Empresa Innovadora as seguintes empresas galegas: Ibercisa Deck Machinery, Bopapel, Creaciones Paz Rodríguez, Rotogal, Optare Solutions, Técnicas de Soft, Imatia Innovation e Igalia.