Vitae mostra aos propietarios de produto como usar a IA para aumentar en axilidade

martes, 19 de maio do 2026 S. P.

Esta primavera proseguen as actividades formativas de Vitae Consultores, referente galego e estatal na transformación tecnolóxica das empresas e na adaptación das e dos profesionais aos novos xeitos (máis eficaces, eficientes, áxiles e produtivos) de traballar, comunicarse ou xestionar recursos. Precisamente a axilidade será un dos piares temáticos do Curso en Aberto Axilidade Avanzada: IA aplicada a Product Owners, que celebra Vitae os días 16 e 18 de xuño en formato de aula virtual, con seis horas lectivas.
O curso porá o foco na figura product owner ou propietario de produto, o rol clave na metodoloxía Scrum que se encarga de maximizar o valor dun produto.
A idea é facilitar o seu día comezando pola información: “Vivimos nunha contorna onde os product owners reciben máis información que nunca: feedback de usuarios, métricas, opinións de stakeholders… pero transformar todo iso en decisións claras segue sendo un reto”, informa Vitae, puntualizando que o dito desafío pode abordarse botando man da intelixencia artificial xenerativa, que “abre unha nova forma de traballar”.
De feito, nesta formación práctica aprenderemos a utilizar ferramentas como ChatGPT, Gemini ou Copilot para analizar feedback, descubrir valor real, xerar hipótese de produto e construír un product backlog con criterio.
Ademais, poderemos ir un paso máis aló: “Aprenderemos a deseñar prompts efectivos e a crear os teus propios asistentes de IA adaptados ao noso día a día como product owner; e todo iso a través dun caso práctico realista onde traballaremos como PO desde o primeiro minuto”, engaden dende Vitae.

Obxectivos

-Utilizar IA xenerativa para analizar feedback de usuarios e detectar problemas reais.
-Transformar problemas en hipóteses de produto con valor.
-Crear historias de usuario claras e estruturadas.
-Construír e priorizar un product backlog con criterio.
-Deseñar prompts efectivos utilizando técnicas como Zero-shot, Few-shot, Chain of Thought, etc.
-Crear asistentes de IA personalizados para o traballo como product owner.
O curso vai dirixido a product owners que queren mellorar a súa capacidade de decisión e priorización, especialistas en Scrum que desexen entender como aplicar IA en produto, xestores de produto e perfís de negocio involucrados en decisións de produto, e equipos áxiles que queiran incorporar a IA no seu día a día.

Formadores

Pío Puig
Pío Puig é un consultor e formador especializado en transformación organizativa, cunha traxectoria centrada en axudar a equipos a tomar mellores decisións e xerar impacto real. A súa traxectoria combina unha base técnica sólida —enxeñeiro e MBA— cunha evolución cara ao desenvolvemento do talento, o que lle permite moverse con solvencia entre o mundo tecnolóxico e o humano. Traballou en contornas de Data Science e Machine Learning, aplicando IA en contextos reais de negocio. O seu enfoque combina criterio de produto, pensamento estratéxico e uso práctico de IA xenerativa. Certificado en Agile e Scrum (PSM I, PAL I) e certificacións en IA aplicada de Microsoft e fundador de TalentUp! e Fast Innovation.

Susanna Miquel
Susanna Miquel é unha consultora estratéxica especialista en desenvolvemento de persoas, liderado e acompañamento a equipos. Con formación de base como arquitecta pola UPC, evolucionou a súa carreira cara ao ámbito organizativo, especializándose no desenvolvemento do talento e liderado consciente, o que lle permite achegar unha visión estruturada (enxeñería/arquitectura) combinada con enfoque humanista. O seu enfoque achega a dimensión clave en calquera proceso de innovación: as persoas, a aliñación e a capacidade real de executar. Conta con certificacións oficiais en Agile e Scrum (PSM I, PAL I) e certificacións en IA aplicada de Microsoft e é fundadora de TalentUp! E Fast Innovation.